Hai algún tempo fiquei un tanto sorprendido coa visión maniquea que se transmitiu da (nefasta) educación do sur da Europa, coa (modélica) dos países nórdicos, nomeadamente co sistema finés. Ben é certo que as avaliacións de competencias avalan a sólida estrutura e o asentado funcionamento da organización educativa nórdica, ben lonxe dos diagnósticos precipitados e pulsión lexisladoras que gastamos aquén dos Pirineos.
Mais, por outro lado, pensaba daquela, tamén por alí aparecen importantes problemas sociais que, por razóns culturais ou xeográficas, por aquí se manifestan con menos intensidade. Vén isto a conto estes días, porque semella que o maltrato e abuso feminino asoma máis nos polos setentrionais que meridionais, dentro dos, xa de por si, escandalosos resultados no conxunto europeo.
Ben sei, no entanto, do vantaxista, parcial e nesgado que supón agora adoptar este dato, en termos comparativos, de forma illada e pouco ponderada. Moito máis, ecuacionalo coa eficacia educativa dun país. Por iso, convén pensar mellor contraposicións que poidan resultar precipitadas, xa que para medir o impacto dun sistema educativo cómpre activar unha óptica de amplo alcance social, xa sexa en Antequera, xa na Laponia. Porque 2 + 2, non sempre dan 4.
P.d. Febreiro é tan curto que nin dou para 150 palabras.