A recente e excelente exposición Outros verbos, novas lecturas: Valle-Inclán traducido (1906-1936) do Consello da Cultura Galega, comisariada por Rosario Mascato, evidenciou a proxección universal e a recepción internacional da obra literaria de Valle-Inclán. A medición dos ecos interculturais dun texto indican que a tradución non é apenas un exercicio meramente instrumental para favorecer a incorporación de novos lectores, superando as balizas lingüísticas. É, ante todo, un acto de apropiación cultural. Por iso, non deixaba de ser unha eiva que Valle fose representado en francés, inglés e portugués e estivese vedado ao repertorio autorial das compañías teatrais galegas.
Que o encontro se producise non podemos deixar de celebralo.
Na lóxica invertida dos inescrutables camiños da nosa cultura, a normalidade dun feito excepcional chegou da man dunha compañía que se fai chamar de Excéntricas. Hai que agradecer que a dirección artística de Quico Cadaval nos devolvese un Valle-Inclán nada tópico e concibise un espectáculo á altura da dimensión simbólica do evento, como manifestaron os recoñecidos aplausos do público que abarrotou o Principal na estrea da obra.
Por iso, é preciso salientar que, á marxe das importantes circunstancias que rodearon o espectáculo, A cabeza do dragón é unha excelente montaxe escénica de Valle-Inclán, que consegue recoller as principais achegas da estética dunha obra estrafalaria, como é esta farsa infantil, para educación de príncipes. Así a titulou o autor, sempre atento á renovación dramática e á apropiación da vangarda artística. A utilización dunha linguaxe teatral actual que reproduce a plasticidade visual dos dramas de Valle é o principal acerto da proposta de Excéntricas.
A incorporación de elementos da danza e da interpretación mecanizada do teatro de monicreques marca esta sátira política e social que se coa na mitolóxica temática dos tradicionais contos de reinados, fadas, princesas e dragóns, a través dunha importante aposta pola xestualidade. A escenografía de A cabeza do dragón expresa o talento creativo, sobre un integrado xogo de música, iluminación e disposición escénica, evocando o mundo fantástico e alegórico da peza. O espectador termina proxectándose na distorsión estética que fai dialogar cabaleiros, bufóns e dragóns co grotesco coro de moinantes, espadóns e taberneiras, que no palco do Principal se expresaron co xesto ridículo e absurdo, que caracterizará a estética deformada do esperpento.
Esta actualización intelixente do teatro de Valle, quer nos elementos discursivos, escénicos e interpretativos, aínda que respecta a integridade do texto dramático, xoga a crebar as expectativas do espectador, en relación aos códigos tradicionais apuntados. Cómpre destacar, polo impacto que xera a súa aparición a metade de obra, a interpretación da Infantina Blancaflor, cuxa previsible caracterización se subverte co impacto intercultural da mestizaxe e a magnífica interpretación de Yelena Molina.
No debe desta primeira representación, talvez se pode apuntar a utilización nalgúns momentos de certa sobreactuación na interpretación do cómico e o grotesco, que, se ben son favorecidos polo aplauso inmediato do público, desvíanse da sobriedade expresiva e do equilibrio humorístico no que se apoia a farsa valleinclaniana.
A cabeza do dragón é unha montaxe de factura coral, mais con pegada de autor. Así o evidencian as intervencións de Quico Cadaval, ao inicio da peza e antes de dar paso á última escena. A presenza no palco do polifacético director, ora como duende, ora como narrador das didascalias proxecta esa percepción demiúrxica, potenciada polo parecido físico con Valle-Inclán.
A integración das didascalias no texto escénico comeza, de feito, a ser unha estratexia con certa recorrencia nas montaxes de Valle. Tanto José Luis Alonso, como César Oliva ou Manuel Guede optaron anteriormente por este recurso escénico, xa fose a partir dunha voz coral, xa incorporando a Valle como personaxe. A subordinación en escena do texto dramático ao narrativo proxecta a sensación do autor, que move os fíos das personaxes, como deixara debuxado Maside, nunha caricatura a propósito da estrea de La cabeza del Bautista, en 1925 en Vigo: do brazo manco de Valle pendían os fíos do monicreque da Pepona, aquela salomé grotesca da comedia macabra.
En definitiva, a opción de introducir as paratextuais didascalias no escenario reflicte a concepción metateatral e estetizada de Valle e favorece a comprensión dos seus textos dramáticos, creados a partir de complexos palimpsestos discursivos e culturais.
Arriscou, polo tanto, Producións Teatrais Excéntricas con esta estrafalaria peza, simbolicamente estreada aínda cos ecos non acalados do Antroido. Acolléndose ao dominio público dunha obra de alcance internacional, fixo posible a incorporación do máis universal dos nosos dramaturgos ao patrimonio teatral expresado en lingua galega.
Será a primeira das tres estreas programadas para este ano: á volta de abril espérannos os esperpentos de Martes de Carnaval dentro da programación do Centro Dramático Galego.
A función acaba de comezar. Show must go on.