3% ou o fin da utopía

O cinema brasileiro leva acreditando nos últimos anos unha probada capacidade de confeccionar produtos de calidade, cun grande eco na pantalla global. A serie audiovisual de Netflix, 3%, parece continuar esta senda, dado o alcance que leva acadado desde a súa estrea en novembro do ano pasado. A ficción audiovisual de oito capítulos (está anunciada xa unha segunda tempada) é unha das primeiras producidas en lingua non inglesa da potente plataforma Netflix, que está a acaparar grande cota de mercado no sistema VOD (video on demand). Esta aposta da compañía por producións autóctonas explícase, en parte, por ampliar a base da audiencia con contidos de carácter local e, en parte, polas medidas de protección lexislativa, dada o agresivo impacto das plataformas globais de VOD nos sistemas audiovisuais propios. O resultado de 3%, xa que logo, evidencia que o talento narrativo e fílmico non só é patrimonio exclusivo dos celebrados showrunner norteamericanos

Sen dúbida, parte do éxito radica na capacidade da trama para expresar os tempos actuais de inestabilidade e a incerteza para encontrar un horizonte de benestar sostible e universal, que se percibe cada vez máis como unha utopía fracturada, nun universo pautado pola imparable globalización e unha tecnoloxización de ciencia ficción. A serie británica Black mirror, nas tres tempadas producidas ata o momento, xa exhibira os corrementos da base tectónica socio-política contemporánea, a partir dunha sociedade distópica, marcada polos excesos da evolución dixital, a creba do pacto cidadanía-representación política ou a representación do post-humano. Deriva que acolle tamén o argumento de 3%

Despois do éxito internacional do cinema brasileiro con Cidade Deus ou Tropa de elite, cómpre saudar que 3% non caese na tentación de prorrogar tramas tan caras ao consumo global: o estereotipo da trama de favelas, delincuencia, drogas e violencia. A pornomiseria adoita ter boa acollida externa cando se trata de producións culturais latinoamericanas. Pola contra, a produción dirixida polo uruguaio César Charlone, colaborador de Fernando Meireles, ofrece unha ficción distópica, asumindo o ton post-humano, o individualismo en estado salvaxe e a devastación da hipertecnoloxización levada ao extremo, como xa exhibido en Balck mirror. Sen por iso expresar unha contundente crítica aos tempos actuais, tamén do Brasil.

O título da serie evidencia, con crueza, o proceso selectivo que só poderán pasar unha porcentaxe exigua dos mozos que a el se candidatan. Cumpridos os 20 anos terán a posibilidade de deixar atrás unha sociedade mísera e devastada, quizás a proxección futura dos excesos da masificación actual, para poder acceder á terra prometida, ao maralto, a illa mar adentro á que só teñen acceso os elixidos. A hiperbólica e expresionista caracterización das persoas do continente, aqueles que fican fóra do 3%, con farrapos lixosos e de cores disonantes e estrafalarias, expresa unha especie de extra-muros medieval, cuxo carácter alegórico afástase conscientemente do costumismo postal da escenografía brasileira.

A euxénese do proceso, a brutalidade da competencia e da competición dos participantes nel (ecos de Golding e O señor das moscas) supón, dentro da ambientación distópica sinalada, unha inequívoca crítica ao individualismo extremo e á ausencia dun discurso socialmente cohesivo, que só ofrece esperanza –ilusión, sería máis preciso dicir- a unha parte mínima dos cidadáns que pasan a ser os súbditos do proceso. Este é guiado por un maquiavélico e desconcertante personaxe: Ezquiel. A dimensión profética á que alude o nome cuestiona, pois, o lenitivo evanxelizador da terra prometida como moderador social desta sociedade do futuro, cunha chiscadela crítica ao Brasil dos nosos días. Só a contrarrevolucionaria Causa, fortemente reprimida, pretende dinamitar o proceso desde dentro, infiltrando militantes: a solución virá só de mellores condicións de vida para os habitantes do continente, orfos de toda gobernación e sistema. A dignidade individual que asoma ao final do derradeiro capítulo imponse á limpeza cerebral do proceso colectivo e parece anunciar as tensións da trama da segunda tempada.

En suma, 3% súmase ás series de excelente calidade e facturación fílmica e visual. Nada novo na revolución televisiva que se leva producindo nos últimos anos, a través das ficción seriais, que integraron o mellor das narrativas literarias e cinematográficas e que amosa o talento da produción audiovisual brasileira contemporánea.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *