Compostela ás escuras

“A realidade imita a ficción” lese nestes días, nos que a distopía deixou de ser unha angustiosa experiencia creativa para vivila en carne propia.

Esta mesma percepción acompañoume cando, ao inicio do confinamento, apuraba as últimas páxinas de Rueiro da cidade escura, de Patricia A. Janeiro.

A autora preséntanos unha cidade que, de súpeto, unha madrugada de agosto quedou ás escuras. Aparece Compostela como nunca a viramos na literatura, cos seus espazos máis cotiás anulados por unha situación insólita e inhóspita.

O plano urbano que se detalla ao final de cada un dos capítulos, móstranos os pasos que seguen uns personaxes que andan ás tentas, tropezando con anacos de vida, que xa se interromperan antes do apagón.

A indicación temporal no título dos capítulos vai sinalando o avance da historia, a partir do día cero. Máis lento ao inicio, máis acelarado ao final, vai avanzando do distópico ao utópico, no que talvez vai perdendo certa tensión narrativa.

É nos primeiros compases onde reside a grande orixinalidade da novela: a reacción simultánea e desnortada dos seus protagonistas, en cada un dos seus fogares e cos seus traumas.

É neses espazos e nesa rutina colapsada onde figuran as páxinas máis impactantes dunha novela que lle colle o pulso a unha cidade, que, como nestes días, amence coas súas rúas desertas de ruído e furia.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *