Dieudonné entre nós

As crises ofrecen respostas semellantes ao longo da historia. Por exemplo, a marea azul que percorreu o panorama político nas últimas eleccións explícase, en grande parte, pola perspicacia da actual maioria gobernante en captar o impulso sociolóxico que toda crise xenera, na simplificación de respostas e identificación de responsables. Pasados dous anos, e vistos que os abracadabras ao uso non tiveron o efecto inmediato prometido (Zapatero, os funcionarios, os dezasete estados ou vivirporencimadenuestrasposibilidades) a pulsión de lagentedelacalle diríxese agora ao sistema político en xeral, de maneira acrítica (e propositadamente desideoloxizada).

Esta causa xeral contra o político, que ve a súa acción como parte do problema e non da solución, está a gozar de certo prestixio intelectual e aplauso xeralizado que, dende cantautores a beléns esteban, socializan os éxitos do benestar e responsabiliza os rigores da recesión unicamente na xeralizada incompetencia dos xestores.

Non florecerá, claro está, nesta deriva populista un Primo de Rivera, pero, postos a idear solucións simples, calquera día teremos gobernando por aquí imitadores do tal Dieudonné, humorista francés, cuxo repertorio antisemita aglutina antisistemas, ultradereitistas vocacionais e gamberros universais. Entón, ímonos fartar de rir. 

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *