O último de Gundivós

Elías é o último de Gundivós. Ou o penúltimo, como lle gusta fantasear. Relata isto, mentres se aplica co torno artesanal, imaxinando coas mans figuras no barro. Barro de Guindivós, como a carqueixa coa que afuma as olas.

Vai xuntando polas terras do Lemos o material que precisa para cocer xerras, cuncas e meleiros.  Conta todo isto, coa mesma calma coa que explica as mans de sulfato que precisa a viña da antiga reitoral, convertida en taller e museo ao mesmo tempo, dun oficio ancestral e en tempos común en Gundivós, no que xa só queda el.

Cóntao sen nostalxia e sen lamentos, por ir a contracorrente, porque, ao fin e ao cabo, moldea o seu destino cos mesmos dedos que lle dan forma ás olas. A conversa vai collendo os contornos sosegados e cálidos do verán nas ribeiras do Miño e o Sil, en canto vai preparando as xerras que decantarán un mencía da sacra, sen importarnos, nin a el nin aos que escoitan, que o resto de Galicia se arracima en praias e furanchos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *