Ilusións en precario

Entre o rebumbio informativo post-electoral, chegáronnos os pálidos ecos dun estudo que noticiaba a precaria situación dos actores. A só o 8% lle alcanza a vivir da súa profesión.

Non se corresponde o escaso interese que suscita o desmembramento das industrias culturais e creativas co notorio peso que teñen no PIB de calquera economía. Por situar a cuestión unicamente no terreo numérico. Non vaiamos avivar inquietacións.

Tampouco co peso que teñen nas nosas actividades de ocio. Empatizamos pouco con quen nos fai rir, chorar ou pensar. A menos que desfile por unha alfombra vermella, claro. Talvez porque pensamos que a entidade corpórea que se agocha detrás dunha personaxe se evapora con ela. Ou que é tan volátil e instantánea como o click da descarga. Mesmo adoitamos a prolongar a ilusión da butaca, ao apreciar o parecido entre aquel secundario e quen nos serviu a copa na véspera, no local de moda.

Bracea a industria cultural, sen unha alarma social que clame por ela, como ocorrería se vendese zapatos ou automóbiles. Acertaron os ingleses a designar co mesmo verbo play “actuar” e “xogar”. Ambos, ao que parece, conxugan sempre mal coas cousas do comer.  

Artigo publicado en Sermos Galiza.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *